Que é

Composteiro

Que é

 

Para facer compost precísanse os seguintes elementos:

  • Un espazo adecuado na horta ou xardín.
  • Un composteiro no que depositar os restos orgánicos, aínda que non é imprescindible. Tamén se pode elaborar abono directamente no solo (en pilas ou cheas), tal e como se veu facendo tradicionalmente.
  • Residuos de cociña (restos de verduras, froitas, etc.).
  • Residuos do xardín (restos de poda, follas secas, céspede, etc.).
  • Un aireador (petisco, pas, etc.) para remover o compost.
  • Unha pa para recoller o abono obtido.
  • Auga para humedecer en caso necesario.
Composteiro

O composteiro

A súa función é a de manter as condicións adecuadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais (como roedores) que poden alterar o proceso.

 

Vantaxes

Este recipiente achega unha serie de vantaxes respecto da elaboración de abono directamente no solo:

  • Permite manter a zona limpa e recollida.
  • Acelera o proceso de compostaxe.
  • Evita os malos cheiros.
  • Facilita o control das condicións adecuadas de humidade, temperatura e osíxeno.
  • É de fácil montaxe e de sinxelo mantemento.
 

Partes dun composteiro

  • Corpo: estrutura que serve de almacén para o material.
  • Tapa superior: peza que pecha o composteiro con sistema de ventilación.
  • Abertura inferior: pequena trampilla que se abre para extraer o compost maduro.

Fabrica o teu propio composteiro

O composteiro pódese mercar, pero a opción máis económica, que ademais nos permite apostar pola reutilización, que sería o ideal, é que o fabriquemos nós mesmos. Na rede pódense localizar múltiples exemplos e modelos en función do material do que
dispoñamos.

Malla metálica

  • Formamos un gran cilindro cunha malla metálica adaptando o tamaño á cantidade de residuos que xeremos habitualmente. Un tamaño medio sería duns 80/100 cm de alto por 51 cm de diámetro, pero é totalmente variable. Pódese utilizar tamén unha persiana vella no canto da malla.
  • Forramos a malla con cartón, tea ou plástico para evitar que se sequen os refugallos.
  • Na parte superior colocamos unha tapa que se pode facer cun taboleiro de madeira.

Vantaxes: económico e fácil de montar e trasladar.

Contras: para voltear ou sacar o compost é necesario desmontalo por completo.

Palés de madeira

  • Collemos catro palés de madeira (ou tres se temos unha parede onde apoiar o composteiro).
  • Unímolos entre eles formando un cadrado mediante cordas, cravos, gomas..., o que nos resulte máis cómodo. Debemos ter en conta que o palé situado na parte frontal funcionará como porta, polo que necesitaremos que se poida abrir.
  • E tapamos a parte superior cun plástico, unha lona, unha táboa ou algo que impida o paso da choiva.

Vantaxes: fácil de construír, con gran capacidade e facilítase o traballo.

Contras: os elementos que o compoñen son pesados e pouco duradeiros.

Ladrillos

  • Colócase como o composteiro de palés, formando un cadrado.
  • Constrúense tres paredes (dúas se nos apoiamos noutra) de ladrillo dunha altura aproximada de 80 cm e da lonxitude que queiramos. Entre os ladrillos deberá haber espazos para que se poida airear o compost.
  • Constrúese na parte frontal unha porta, que se pode facer con restos de palés, madeira, malla, persiana... ou outro material adecuado.
  • Buscamos unha tapa que ille o contido da choiva.

Vantaxes: resistente e duradeiro, con gran capacidade, facilidade para traballar.

Contras: relativa dificultade de construción, materiais non reciclados, maior custo económico.

Bidón

  • Poderemos utilizar calquera tipo de bidón que teñamos, ben lavado.
  • Quitámoslle a base para que os materiais que forman o compost estean en contacto co solo, facilitando a transformación dos residuos.
  • Cun trade realizaremos varios buracos polas paredes do bidón para facilitar o aireado.
  • Buscamos unha tapa que ille o contido da choiva.

Vantaxes: durabilidade, reutilización de material, fácil de montar.

Contras: dificultade para traballar, xa que para voltear e sacar o compost hai que levantalo na súa totalidade, co perigo engadido de sobrequecemento dos residuos.